ASOCIACIÓN DE ESTUDOS LABORAIS FEMINISTAS. ASELAFEM
Feira Virtual do 15 ao 30 de novembro de 2020
As socias de Aselafem (Asociación de Estudos Laborais Feministas) estamos moi contentas de poder dar continuidade a un proxecto iniciado hai 4 anos polo coletivo Experiencias Feministas da Pardo Bazán, que tivo forma presencial no mercado de San Agustín, na Coruña.
Podeis ver máis información no seu blogue https://experienciasfeministas.wordpress.com/
Para muitas das que formamos parte de Aselafem e que participamos ben como feirantas ou como organizadoras, foi un evento con grande impacto en termos de visibilizar e criar rede de proxectos feministas e liderados de mulleres, como non houbo outro antes.
Agora temos a oportunidade de continuar co legado das compañeiras de Experiencias Feministas da Pardo Bazán, e gostaríamos muito de que vós fixérades parte del.
En que consiste Laborando II?
Trátase dunha iniciativa que pretende crear espazos virtuais de encontro, intercambio e formación entre mulleres. O que buscamos é crear dinámicas de reflexión que se baseen na economía feminista, en tanto posicionen a vida no centro.
Laborando é por unha banda, un espazo expositivo de proxectos profesionais, laborais, culturais, artísticos, organizativos e de vida feministas. E por outra, a creación de redes de colaboración e axuda mutua entre as mulleres que lideran estes proxectos.
Obxectivos
Creación dun foro feminista que derive na creación dunha rede de sororidade e de axuda mútua.
Visibilizar a presenza e o papel das mulleres en todos os ámbito e esferas da vida.
Poñer en valor e dignificar as experiencias das mulleres.
Por causa das restriccións de mobilidade e ocupación do espazo público actuais, a feira neste ano será totalmente virtual.
Constará dunha web para conter toda a información das participantes, da feira e dos eventos que serán realizados, e se disponibilizará da plataforma de videoconferencia Zoom, para o desenvolvemento dos obradoiros, palestra e foros de debate.
Espazos de participación:
CATÁLOGO FEIRANTAS. Constará dunha web cun espazo específico para presentar ás feirantas, ás que tamén se lles dará divulgación nas redes sociais.
EVENTOS. Realizaranse obradoiros, palestras e cafés de debate, a través da plataforma Zoom, propostos polas feirantas, tanto a nivel individual ou de proxecto, como de forma grupal, entre varios proxectos.
SEMENTEIRA. Espazo específico para a presentación de proxectos en desenvolvemento ou a piques de nacer.
ESPAZO ASOCIACIÓNS. Visibilización e divulgación do movimento asociativo feminista, ou doutras correntes mas que inclúa a perspectiva de xénero no seu ideario e acción.
PATROCINIO. Posibilidade de colaborar co financiamento da feira. Información sobre as patrocinadoras aparecerá nos diferentes espazos virtuais durante a feira.
Quen pode participar?
O evento está enfocado principalmente en visibilizar e promover proxectos laborais/profesionais, sociais e de vida, liderados por mulleres e/ou feministas.
As feirantas poderán participar no catálogo, os seus proxectos serán divulgados nas redes sociais, e poderán propor eventos como parte do programa da feira.
Asociacións e coletivos ativistas poderán participar no espazo asignado na web e tamén poderán facer propostas para actividades do programa da feira.
Institucións públicas ou privadas, e fundacións non poderán participar como feirantas, pois desta vez queremos priorizar a visibilización de proxectos con menor posibilidade de proxección. Porén poderán participar como convidadas en eventos organizados polas feirantes e/ou como patrocinadoras da feira.
Como participar?
Para participar é necesario cubrir un formulario de inscripción indicando dados sobre o proxecto, espazos nos que se quere participar e, no caso de querer realizar unha actividade, indicar breve descripción da mesma.
En canto a recibamos procesaremos a inscripción e poñerémonos en contacto con vós para confirmar o voso espazo na feira.
Para as feirantas con proxectos profesionais, sociais ou de vida establécese unha cota simbólica de 10€.
Para asociacións e coletivos ativistas non haberá cota.
INSCRÍBETE EN LABORANDO II AQUI
Data límite inscrición 3 de Novembro 2020
Que é Aselafem - Asociación de Estudos Laborais Feministas?
Somos un grupo de aprendizaxe, reflexión e acción. Unímonos para traballar pola defensa dos dereitos laborais e a denuncia da súa vulneración. A nosa actuación ven atravesada pola perspectiva feminista, onde a vida se coloca no centro.
Podes coñecer máis de nós visitando o noso blogue https://estudoslaboraisfeministas.blogspot.com/ ou escribíndonos a aselafem@gmail.com
Proceso de entrada novas socias aberto
Conversa Aberta: Precarización na contratación pública
Faremos unha breve presentación da Asociación de Estudos Laborais Feministas, con espazo para as vosas preguntas e comentarios, e logo pasaremos á conversa aberta sobre a "Precarización na contratación pública".